Equivalencias

Cursos

A equivalencia é o recoñecemento de que un título, ou un conxunto de estudos superados polo interesado, ten os mesmos efectos académicos e/ou profesionais que outro, pero de que non dá dereito ao interesado a obtención do título co que se establece a equivalencia.

A equivalencia pódese recoñecer cun nivel de estudos (equivalencia xenérica) ou establécese cun determinado título (equivalencia específica). Os efectos dunha equivalencia poden ser profesionais (indica o recoñecemento de que unha formación permite o acceso ao mundo laboral igual que outra á que é equivalente) ou académicos (coa finalidade de continuar estudos, declárase co mesmo nivel de estudos).

As equivalencias para efectos laborais ofrecen a posibilidade de incorporarse a postos de traballo, a persoas adultas que non dispoñen dos títulos académicos ou profesionais requiridos. Establécense unicamente en relación cos requisitos que se esixen nas convocatorias a postos de traballo públicos ou privados.


Tipos de Equivalencias

Existen dous tipos de equivalencias de estudos para efectos laborais: as recollidas pola normativa e as outorgadas por resolucións individualizadas.

Equivalencias para efectos laborais (ou profesionais) recollidas na normativa:

As equivalencias recoñecidas de xeito específico en disposicións legais, non necesitan de resolución individualizada, xa que a propia normativa determina a equivalencia dos seus efectos.

As persoas interesadas só teñen que exhibir os títulos ou as certificacións académicas acreditativas de que cumpren os requisitos esixidos polas normas legais para o recoñecemento dos seus estudos para efectos laborais. Non é necesario, polo tanto, ningún acto administrativo, nin en consecuencia, a intervención de ningunha Administración.

Equivalencias para efectos laborais (ou profesionais) non recollidas na normativa:

As solicitudes de equivalencias para efectos laborais doutros estudos non contempladas na normativa con carácter general( co título de Graduado ou Graduada en Educación Secundaria Obrigatoria), han de ser dirixidas ao órgano competente da Comunidade Autónoma.