FUNDAMENTACIÓN

 

Hai moitos traballadores e traballadoras que non puideron aproveitar as posibilidades que ofrecen os diferentes sistemas de formación e adquiriron as súas competencias profesionais no propio posto de traballo, a través da práctica, da experiencia profesional e de vías non formais de formación. Polo tanto, son traballadores e traballadoras que teñen competencias, pero non a acreditación oficial destas.

A falta de acreditación de moitos traballadores e traballadoras pode converterse nun obstáculo para as persoas, que pode chegar a dificultar a súa integración laboral, a promoción profesional e o recoñecemento social.

A zona de actuación da Iniciativa USN aparece caracterizada por un importante número de persoas pertencentes a estes grupos ( 3.789 personas en idade laboral non poseen a ESO). E onde moitas das persoas adultas que teñen traballo, ocupanse en postos non cualificados e cun rango baixo de retribución.

Estas circunstancias propician unha baixa autoestima, que adoita traducirse nunha falta de motivación das traballadoras e traballadores para asumir a cultura da aprendizaxe permanente, considerada actualmente un dos sinais de identidade da sociedade da información e un dos requirimentos máis importantes do desenvolvemento e da economía sostible.

Por outra parte, é de destacar que os diferentes sectores do sistema produtivo local, coinciden en resaltar a importancia do recoñecemento daquelas competencias profesionais existentes nas traballadoras e traballadores, e na necesidade dun apoio permanente á actualización e mellora destas.

Por iso, os poderes públicos locais deben desenvolver, paralelamente ao marco legal que posibilita o acceso aos sistemas de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal, os mecanismos necesarios para que as persoas con maiores dificultades poidan facer uso deles.

Co desenvolvemento da medida 12.1 “Programa de cualificación profesional”, pretendese crear unha serie de servizos e recursos, de acceso libre e gratuito que permitan dar respostas a todalas necesidades e inquietudes relacionadas ca acreditación profesional e a promoción no emprego, obtendo:

  • Información sobre a acreditación das competencias profesionais: as vías existentes para acreditalas, como rexistralas e a información sobre as convocatorias públicas de acreditación pola vía da experiencia laboral.
  • Formación en competencias básicas e transversais clave, e
  • Orientación e asesoramento sobre a promoción e a carreira profesional.